Obxectivos e contidos do obradoiro:
Obradoiro enfocado na formación actoral e na introdución á formación escénica das persoas participantes (con ou sen experiencia previa), facendo un repaso por diferentes tradicións escénicas.
Introdución aos fundamentos da actividade teatral, dende a súa historia a como se vive por dentro (as partes do teatro, a escenografía, a dramaturxia, a iluminación...).
Preparación do corpo e a voz como instrumento actoral, iniciación de técnicas de interpretación e realización de dinámicas individuais e grupais.
Obxectivo do obradoiro:
Neste obradoiro de teatro proponse formar as alumnas en técnicas de interpretación e adestramento actoral para a posterior colaboración na montaxe da peza escénica para a Aula de Teatro da UDC, titulada “luditas & misteiras & cigarreiras”, unha peza escénica performativa baseada na primeira folga das cigarreiras contra as máquinas no ano 1857, co gallo do seu 170.0 aniversario.
Contidos do obradoiro:
· Técnicas de improvisación e dinámicas grupais
· Teatro Laboratorio de Grotowski e o Abecedario de Zygmunt Molik
· Voz: técnicas de adestramento da voz do canto lírico. Traballos de respiración do Ioga. O control abdominal das artes marciais.
· O traballo do texto e o verso: Cicely Berry, Vicente Fuentes e Julia Varley (Odin Teatret).
· Introdución á historia do teatro (Grecia até a actualidade), partes e proceso da montaxe escénica.
· A creación da personaxe (das vangardas até a actualidade).
· O teatro Noh e Kabuki
· Teatro antropolóxico do Odin Teatret e a performance etnográfica
· Lectura, análise e traballo de textos teatrais: a acción e a emoción.
· Creación de escenas e dinámicas grupais.
Currículo da educadora:
Helena Salgueiro é directora escénica, poeta e performer. Formada en estadías co Instituto Grotowksi e co Odin Teatret, o Traverse Theatre, a Universidade de Edimburgo e a Universidade de Santiago de Compostela. Os seus traballos escénicos amosáronse internacionalmente en festivais e espazos como o Centro Nacional de Danza Dance Base de Escocia (“Nortear”), o Festival Contradança de Portugal (“Ferro, Federici”) e coproducidos polo Centro Dramático Galego (“Come and Go”). Autora dos poemarios Intermitencia da cidade (2013), As Flores (2016), SORA (2025), Amor Palimpsesta (2026) e da obra de teatro Todas as Illas son unha illa (2021). Dirixe a compañía Columna Balteira.