Obxectivos e contidos do obradoiro:
O obradoiro de Escritura Creativa centrarase na aprendizaxe dos procesos que levan dende que xorde unha idea ata a conversión desa idea nun libro publicable: o traballo na propia idea, a planificación do proceso de escrita, a propia redacción do manuscrito, a corrección nas súas diferentes fases e as opcións realistas de publicación no mercado actual.
A metodoloxía mesturará o ensino de conceptos teóricos coa súa aplicación práctica dos mesmos na elaboración dun relato curto entre todo o alumnado. Na planificación, escritura, corrección e publicación deste manuscrito o alumnado poderá experimentar en primeira persoa os retos e satisfaccións que supón a escrita dunha novela.
Obxectivos do obradoiro:
· Dotar ao alumnado dos coñecementos suficientes sobre escritura creativa para que poidan abordar a creación dun manuscrito.
· Expoñer as diferentes fases das que se compón a escritura dun libro.
· Amosar os puntos principais da planificación dunha novela.
· Explicar os elementos esenciais que compoñen a escritura dun libro: trama, personaxes, ambientación, atmosfera, punto de vista, escenario, etc.
· Abordar as cuestións relativas ao estilo e o ton de escritura dunha novela.
· Especificar as fases de corrección dun manuscrito (mesa, estilo, ortotipográfica) e como pode o autor abordalas.
· Tratar as cuestións máis descoñecidas do sector editorial para que o alumno poida achegarse a el cun coñecemento superior ao habitual.
· Axudar a crear unha mentalidade positiva para afrontar o traballo de escribir e os retos que leva asociados.
Contidos do obradoiro:
1. Introdución aos xéneros literarios: ficción (narrativa, poesía e teatro) e non ficción.
2. Como planificar a escritura dun manuscrito: todo o que debemos facer antes de comezar a escribir.
3. Métodos de traballo en escritura.
4. A inspiración: onde atopala?
5. A planificación dunha novela: por onde comezamos?
6. Documentación: familiarizarse co terreo sobre o que imos plantar a semente.
7. Trama e tema: que queremos contar.
8. Estrutura e narrador: os dous piares sobre os que se asenta todo.
9. Creación de personaxes: como facer que cobren vida.
10. Atmosfera, escenario e punto de vista: facer que todo encaixe.
11. Linguaxe: como contar a historia.
12. As tipoloxías textuais: diálogo, narración e descrición.
13. Terminei a novela: e agora que?
14. A corrección da nosa propia novela: corrección de mesa, de estilo e ortotipográfica.
15. Opcións de publicación para o manuscrito: publicación tradicional, autopublicación e concursos literarios.
16. Mentalidade para escritores: combater a frustración e fuxir dos falsos mitos.
Currículo da educadora:
Abril Camino leva máis de 20 anos vencellada ao mundo literario e editorial. Dende a súa etapa universitaria, dedicouse ás tarefas técnicas asociadas ao libro, como correctora, tradutora, editora, docente de cursos de narrativa, etc. Dende o ano 2015, ademais, é autora de máis de 20 novelas publicadas. A última delas, Mulleres que viven xuntas, gañou o Premio Xerais de Narrativa no ano 2025.
Nos cursos 2024-2025 e 2025-2026, impartiu os obradoiros de escritura creativa 1 e 2 en Normal, Espazo de Intervención Cultural da UDC.