Salón de actos Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física-UDC, Bastiagueiro
Cada curso académico trátase de complementar a formación do alumnado do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte coa organización de ciclos de conferencias que acheguen non só información actualizada, senón tamén experiencias profesionais, vivencias particulares, así como métodos e medios de traballo concretos aplicables a diferentes contextos de intervención físicodeportiva. Este tipo de actividades permiten afondar non só en problemáticas sociais vinculadas ao ámbito do deporte —moitas delas próximas á futura práctica profesional do estudantado— senón tamén en comprender os distintos enfoques desde os que se pode analizar a nosa realidade e como afrontala desde unha perspectiva educativa, técnica e social.
Na edición anterior (IX Ciclo), abordáronse contidos relacionados coa saúde específica da muller a través do traballo do solo pélvico, o papel do deporte como ferramenta de empoderamento feminino mediante a práctica do roller derby, así como a análise do deporte como espazo potencialmente integrador da diversidade desde o punto de vista da comunicación inclusiva. Estas temáticas permitiron ao alumnado tomar conciencia da persistencia de estereotipos de xénero no contexto físico-deportivo, así como das barreiras estruturais existentes para a participación plena das mulleres en determinados contornos deportivos.
No presente curso (X Ciclo), ponse o foco en novas dimensións que afectan directamente ao desenvolvemento dunha práctica físico-deportiva segura, equitativa e inclusiva. En primeiro lugar, introdúcese a figura do Delegado ou Delegada de protección da infancia e adolescencia fronte á violencia no deporte, no marco da Lei Orgánica de Protección Integral á Infancia e á Adolescencia fronte á Violencia (LOPIVI), incorporando ademais unha necesaria perspectiva de xénero na análise dos protocolos de prevención e intervención. Esta temática resulta de especial relevancia atendendo ás competencias profesionais que o alumnado deberá asumir no seu futuro desempeño como adestradores/as, docentes ou xestores/as deportivos, en coherencia cos marcos normativos actuais e cos principios de protección de dereitos fundamentais.
Así mesmo, mantense a atención sobre o traballo do solo pélvico como contido fundamental para a promoción da saúde e o benestar xeral da muller, atendendo aos múltiples beneficios derivados do seu fortalecemento —tales como a prevención e tratamento da incontinencia urinaria, o apoio durante o embarazo e o parto ou a recuperación posparto— permitindo ademais establecer conexións prácticas con contidos impartidos en materias do plan de estudos vinculadas á actividade física saudable e á calidade de vida, como é o caso daquelas integradas dentro dos bloques de intervención sobre a competencia motriz ou do control do exercicio físico.
Por outra banda, abordarase o proceso de constitución do sindicato de futbolistas FUTPRO como exemplo de organización colectiva orientada á defensa dos dereitos laborais das deportistas, permitindo analizar as principais barreiras estruturais existentes no fútbol feminino profesional, tales como a fenda salarial, as dificultades de conciliación familiar ou a necesidade de regulación a través de convenios colectivos específicos. Este enfoque permitirá ao alumnado comprender que as desigualdades de xénero no deporte transcenden o ámbito estritamente competitivo, situándose tamén no plano organizativo e laboral.
Finalmente, presentarase o proxecto de remo social desenvolvido polo Club Deportivo Mariñeiro de Mera, como exemplo de boa práctica na promoción da participación feminina no deporte desde unha perspectiva comunitaria. A través da análise da evolución da presenza de mulleres no club e do papel desempeñado polas administracións públicas no apoio a iniciativas deportivas con perspectiva de xénero, ofrecerase unha visión aplicada do deporte como ferramenta de transformación social e inclusión.
No seu conxunto, o X Ciclo de Conferencias contribúe ao desenvolvemento de competencias transversais vinculadas á igualdade de oportunidades, á inclusión social e á promoción de contornos deportivos seguros, aspectos indispensables na formación integral dos futuros egresados e egresadas, non só no seu desempeño profesional como educadores/as, adestradores/as ou xestores/as, senón tamén como axentes activos nunha sociedade democrática comprometida cos valores de equidade e respecto á diversidade.
Data de realización: martes 3 de marzo de 2026 de 10.30 a 12.00 h
Lugar: Salón de Actos dá Facultade de Ciencias do Deporte e a EF - UDC
Título: O Delegado/a de protección da infancia/adolescencia contra a Violencia (LOPIVI). Perspectiva de xénero.
Relatores: Laura Álvarez e Ramón Ferreño Temática: protocolo de protección ao menor fronte á violencia no deporte
• Termos e definicións
• Obxectivos
• Ámbito de aplicación
• Procedemento
• Medidas de prevención da violencia no deporte en Galicia
• Resolución de conflitos
Data de realización: martes, 24 de marzo e 7 de abril de 2026 de 10.30 a 12.00 h.
Título: Chan pélvico e Actividade Física
Persoa relatora: Lucía Noya Casas Educadora Física na área de Deportes da UDC
Temática: Traballo para o fortalecemento do chan pélvico
• Introdución: presentación do tema e obxectivos, Anatomía e función, Revisión literatura científica.
• Relación entre exercicio Físico e Chan Pélvico: impacto negativo ante unha #mal abordaxe integrativo no adestramento, prevención, beneficios.
• Estratexias de adestramento para un chan pélvico saudable: exercicios específicos, integración do traballo de chan pélvico no adestramento, prevención e recomendacións segundo grupo poboacional.
• Conclusións
Data de realización: martes 21 de abril de 2026 de 10.30-12.00 h
Lugar: Salón de Actos da Facultade de Ciencias do Deporte e a EF - UDC
Título: O proceso de constitución do Sindicato de Futbolistas FUTPRO.
Persoa relatora: Amanda Gutiérrez:
Temática: O fútbol feminino: barreiras e dificultades
• Equal Pay
• Plan de Conciliación familiar da RFEF
• Convenio Colectivo
• Movemento #SeAcabó.
Data de realización: mércores 22 de abril de 2026 de 14.30 a 16.00 h.
Relator: Alejandro Babio Vázquez e Marta Gómez Pardo (Club Deportivo Mariñeiro de Mera)
Titulo: Proxecto de Remo social no Club de Remo Mariñeiro de Mera: a presenza das mulleres no remo
Temática: O remo desde a perspectiva social e desde o xénero. Subapartados:
• Nacemento e traxectoria do CDMM
• Variable xénero nos socios, crecemento das fichas de mulleres, ano desde no que se detecta ese crecemento, factores que o determinasen.
• Apoio das Administracións Públicas desde a perspectiva de xénero: requisitos e criterios de concesión de subvencións, contías, etc.
• Proxecto de Remo Social: a apertura do remo á sociedade