Salón de Actos da Facultade de Ciencias do Deporte e a EF. Bastiagueiro
O XII Ciclo de Conferencias (curso 2025–26) formula unha reorientación temática cara a aspectos estruturais do sistema de actividade física e deporte, o papel da evidencia científica na toma de decisións e a contribución da práctica motriz á saúde en contextos clínicos. Así, a programación prevista aborda, por unha parte, a análise da evolución, situación actual e perspectivas de futuro da profesión e do mercado laboral no ámbito dos servizos físico-deportivos; por outra, a traxectoria do INEF de Galicia como ecosistema científico-deportivo nos seus corenta anos de historia, poñendo de relevo os principais fitos acadados desde a súa creación e os retos asociados ao desenvolvemento dun sistema deportivo fundamentado no coñecemento científico; e, finalmente, o papel do exercicio físico como ferramenta de intervención en enfermidades neurodexenerativas, concretamente na enfermidade de Parkinson, desde unha perspectiva baseada nos mecanismos neurofisiolóxicos que sustentan os procesos de control motor e adaptación ao adestramento.
Esta diferenciación temática respecto de edicións anteriores permite ofrecer ao alumnado unha visión máis ampla e integrada dos ámbitos de intervención profesional, complementando a orientación previa cara ao rendemento con novas perspectivas relacionadas coa organización do sistema deportivo, a transferencia do coñecemento científico e a aplicación do exercicio físico no ámbito da saúde.
Así mesmo, cómpre salientar a relevancia académica e científica dos relatores participantes nesta edición, todos eles Catedráticos de Universidade e referentes nas súas respectivas áreas de coñecemento, cuxa traxectoria investigadora e experiencia profesional avalan o interese formativo das conferencias programadas. A participación de profesorado deste nivel contribúe a reforzar o vínculo entre a formación universitaria, a investigación de excelencia e o exercicio profesional baseado na evidencia, promovendo entre o alumnado unha aproximación crítica e fundamentada aos distintos contextos de intervención en actividade física e deporte.
En conxunto, as conferencias previstas contribuirán a enriquecer a formación do estudantado mediante o acceso a experiencias profesionais e investigadoras de recoñecido prestixio, promovendo unha visión integrada do exercicio profesional nos ámbitos da xestión, o rendemento e a saúde, en consonancia coas demandas actuais do sistema de servizos de actividade física e deporte. Así mesmo, este ciclo mantén o espírito de reflexión interdisciplinar e apertura a novas perspectivas que caracterizou o labor académico do profesor José Luis Salvador Alonso, en cuxa memoria se instituíu esta iniciativa.
Data de celebración: mércores, 25 de febreiro de 2026 Duración 60 minutos + quenda de preguntas (12.00 a 13.30 h.)
Título: “Profesión, profesionais, titulación universitaria e servizos físico-deportivos. unha perspectiva para a cidadanía” Relator: Antonio Campos Izquierdo (Profesor Titular de Universidade)
Data de celebración: mércores, 18 de marzo de 2026 Duración 60 minutos + quenda de preguntas (12.00 a 13.30 h.)
Título: “40 anos do INEF de Galicia: da intuición á evidencia. Ciencia, investigación e deporte en Galicia" Relator: Carlos Lago Peña (Catedrático de Universidade)
Data de celebración: mércores, 5 de maio de 2026 Duración 60 minutos + quenda de preguntas (12.00 a 13.30 h.) Título: "Un aliado contra o parkinson e as enfermidades dexenerativas" Relator: Miguel Ángel Fernández del Olmo (Catedrático de Universidade)