Obradoiro de continuidade centrado no desenvolvemento técnico e expresivo da voz, dirixido a participantes de todos os niveis.
Combina traballo individual e grupal, abordando técnica, respiración, interpretación e proxección escénica, con resultados presentados en gravacións e posibles mostras públicas.
Obradoiro de 30 horas de duración.
DOCENTE
Daniel G. Artés é profesor de piano moderno, técnica vocal, solfexo e coro góspel na Rock School Coruña. Director musical de diversos coros na cidade e arredores. É director do Coro Novo da Orquestra Sinfónica de Galicia, onde dirixiu numerosos e multitudinarios concertos. Ademais é director e fundador de O Acorde Secreto, grupo vocal alternativo caracterizado polo seu repertorio rompedor e diferente. Arreglista experimentado en calquera estilo, foi responsable de arranxar famosas obras de Walt Disney así como do artista Xoel López para a Orquestra Sinfónica de Galicia, participando ademais nos concertos como pianista e director do coro. Compositor desde os 16 anos, nesta faceta foi recoñecido con diversos premios, especialmente no mundo da música vocal. Foi responsable de diversas bandas sonoras para curtos, teatro, documentais e videoxogos.
O alumnado da UDC terá dereito ao recoñecemento de créditos (asistencia mínima do 85%).
PROGRAMA:
Obxectivos: coñecer e dominar os fundamentos da técnica vocal. Desenvolver a capacidade interpretativa e expresiva do cantante. Mellorar a proxección, respiración, afinación e control vocal. Explorar repertorios adaptados aos intereses e niveis do alumnado. Fomentar a autoconfianza e a presenza escénica.
Contidos:Técnica vocal: respiración, postura, resonancia, articulación e colocación da voz. Traballo interpretativo: análise do texto, fraseo, estilo e comunicación escénica. Canto en grupo: empaste, afinación colectiva, canons, canto a voces. Canto individual: exploración do repertorio persoal e mellora técnica. Prácticas de gravación e mostra final: presentación pública ou gravación dos resultados obtidos.
Metodoloxía: O obradoiro estrutúrase en sesións presenciais, combinando exercicios técnicos, traballo práctico con piano e repertorio vocal. Aplicarase un enfoque progresivo, adaptado ao nivel de cada participante, con atención personalizada e actividades cooperativas. Fomentarase un ambiente de aprendizaxe activa, motivador e accesible.