Helena Salgueiro é directora escénica, poeta, dramaturga e activista galega. É directora artística da compañía Columna Balteira. Autora dos poemarios Amor Palimpsesta (2025, Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño), SORA (con Masako Hattori, 2024), As Flores (2016, Premio de poesía Rosalía de Castro), Intermitencia da Cidade (2012, Premio de poesía Avelina Valladares), a obra de teatro Todas as illas son unha illa (2021) e tradutora de Beats de Kieran Hurley (2022). Os seus traballos escénicos foron amosados en Galiza, Portugal, España, Suecia, Reino Unido e Arabia, coproducidos polo Centro Dramático Galego, Festival Internacional de Teatro do Alentejo e comisionados polo Festival Contradança, o Dance Base (National Centre for Dance of Scotland) etc. Imparte conferencias e laboratorios en distintas universidades e museos (UDC, USC, CGAC, UNL, UCLM...) ademais de participar en diversas antoloxías de poesía galega e publicacións académicas arredor das artes performativas, a poesía e os estudos de xénero. O obxecto do seu traballo é a performatividade, o xénero, a linguaxe, a coreografía do corpus social, a arte de acción e o arquivo. Converxe a súa traxectoria artística coa militancia política en organizacións anarquistas e feministas galegas.