A fotografía como escusa para relacionarse coa realidade. Un campo de experimentación.
1. Obxectivos e contidos
O obxectivo deste obradoiro é introducir as persoas participantes nunha práctica profesional e artística arredor da fotografía. Pasaremos polas distintas fases de creación dun proxecto fotográfico: documentación, busca de referencias, toma de fotografías, edición e posprodución. O resultado final adoptará a forma dunha secuencia final de fotografías. Cada participante será responsable da autoría do seu propio proxecto, no cal desenvolverá os seus propios intereses e puntos de vista.
Este proceso prolongarase todo o curso e combinará sesións de presentación na aula con saídas en grupo á rúa para tomar fotografías. As presentacións na mostra por parte da educadora basearanse na proxección dunha serie de carruseis de imaxes tipo pases de diapositivas, en que se tratará de ampliar a cultura fotográfica das e dos participantes, fomentando a conversa e o diálogo. Estes pases de fotografías teñen como finalidade enriquecer a reflexión visual e fornecer un amplo e variado abano de referencias, alén de inspiración, de cara ao traballo propio do alumnado.
As saídas á rúa serán o outro piar deste obradoiro. Nelas afondaremos na importancia da toma fotográfica consciente e no proceso de edición dunha secuencia, experimentando coa potencia narrativa das imaxes fotográficas. A secuencia, conseguir unha serie coherente de imaxes, é un dos aspectos en que reside a complexidade do obradoiro. Resolver os problemas que vai suscitar será un dos motores de aprendizaxe aquí.
2- Biografía da docente: Bandia Ribeira
Bandia Ribeira é unha fotógrafa das Pontes, A Coruña. Graduouse en 2015 no Curso de Fotografía Documental da Universidade do Sur de Gales, en Newport, Reino Unido. Posteriormente iniciou un proxecto de longa duración na provincia de Almería, «Ni un hogar sin lumbre, ni una familia sin pan» (2023), en que estivo traballando desde o ano 2016. Este proxecto presentouse en 2024 no Bristol Photo Festival.
Nos anos 2022 e 2023 realizou unha estadía de investigación e produción artística nos Estados Unidos, coa axuda dunha bolsa Fulbright. Traballou como asistente no Departamento de Arquivo da axencia Magnum Photos en Nova York e realizou unha investigación na colección fotográfica da Farm Security Administration na Biblioteca do Congreso. Así mesmo, estivo asociada ao Departamento de Arte da Uuniversidade Cal Poly Humboldt, en California, onde desenvolveu un proxecto na zona do Val Central. Na actualidade fai un doutoramento na Universidade Complutense de Madrid e acaba de recibir o Premio Mallorca de Fotografía Contemporánea 2025.
O alumnado da UDC terá dereito ao recoñecemento de créditos (asistencia mínima do 85%)
Programa
BLOQUE I: FOTOGRAFÍA DOCUMENTAL DE AUTOR/A CONTEMPORÁNEA (5 sesións)
Estudo da contribución da fotografía documental e análise do panorama nacional e internacional en canto a proxectos fotográficos e narrativas visuais. Estudo en profundidade dunha serie de traballos relevantes segundo as diferentes técnicas narrativas.
BLOQUE II: INFLUENCIAS E CRUZAMENTOS COAS ARTES E O AUDIOVISUAL (4 sesións )
Exploración deste xénero a través dos seus diferentes recursos e da intervención con outras disciplinas artísticas e audiovisuais: a creación de historias ficticias, historias reais, intervencións plásticas como as colaxes, a introdución de textos, os soportes audiovisuais, escenificacións ou entrevistas.
BLOQUE III: A HISTORIA DO ENSAIO FOTOGRÁFICO (3 sesións)
Presentación de traballos icónicos dentro deste xénero en distintos momentos históricos. Os primeiros tempos e o nacemento da disciplina, co contexto histórico que o favoreceu, cun percorrido ata a actualidade tendo en conta o funcionamento dos medios de comunicación e os distintos períodos históricos. Chegaremos ata o momento actual, no que o xénero aparece máis diluído e incorporado á práctica da fotografía contemporánea de autor/a.
BLOQUE IV: PRÁCTICAS DE FOTOGRAFÍA NA CONTORNA (12 sesións)
Partindo do contorna urbana como contexto, o obxectivo desta práctica é que cada alumna ou alumno realice unha publicación individual. Utilizando o espazo público e privado da cidade, darémoslle trela á imaxinación, onde convivirán a realidade e a ficción.
Para o desenvolvemento deste obradoiro formularemos colectivamente posibles temas, historias, sucesos que xiren arredor dun barrio ou dunha zona de Ferrol (ou un tema que nos permita traballar en distintas localizacións), para elixirmos tamén en conxunto aqueles sobre os cales traballaremos. Pasaremos por todas as fases do proceso creativo, reproducindo unha práctica profesional: idea, toma fotográfica, edición, secuenciación, posprodución e maquetación.
Ao remate do obradoiro, todas as persoas participantes poderán levar un arquivo PDF coa publicación lista para imprimir.
Neste bloque, abordaremos temas como os permisos, as cuestións éticas á hora de fotografar no espazo público, as normativas vixentes no noso país e un pequeno marco comparativo con respecto a outros países da nosa área xeográfica.
Os bloques iranse intercalando entre si ao longo dos dous cuadrimestres. Por exemplo, o BLOQUE IV de PRÁCTICA vaise desenvolver ao longo do curso. Isto permitiralle ao alumnado ir incorporando os coñecementos adquiridos e traballar dunha maneira máis intuitiva ao comezo do curso, para, segundo se vaia avanzando, ir incorporando as referencias e a formación recibida paulatinamente.
Materiais que debe achegar o alumnado:
1. Cámara fotográfica réflex de 35 mm, dixital ou analóxica. Pode ser tamén unha cámara compacta, a cámara do teléfono móbil, unha Polaroid etc. Calquera cámara da que se dispoña e coa que se estea a gusto para fotografar.
2. Flash opcional segundo a preferencia persoal.
3. Tarxetas de memoria e lectores no caso das cámaras dixitais; película fotográfica no caso das cámaras analóxicas (é importante ter en conta neste caso que se vai necesitar enviar os carretes a revelar e cubrir persoalmente ese custo, así como contar cun escáner de negativos).
4. Ordenador portátil con software para o procesamento de imaxes dixitais (recomendable o paquete Adobe). Se existe unha sala de ordenadores nas instalacións con ese software dispoñible, poderiamos pedir permiso para usalo. Recomendable un software de maquetación tipo InDesign.
O alumnado da UDC terá dereito ao recoñecemento de créditos, segundo establece a normativa de aplicación (Resolución reitoral do 17/02/2022)