SEMIÓTICA DO DESEÑO APLICADO AO COIRO (15 horas)
Este non é un obradoiro convencional de marroquinaría, senón un laboratorio de experimentación onde exploraremos o coiro como material plástico, utilizando técnicas que proceden de diversos ámbitos e mesmo inspiradas en accións cotiás.
A actividade divídese en dúas partes: unha primeira fase teórica e observacional, destinada á creación dun catálogo de elementos e intervencións; e unha segunda etapa práctica e experimental, na que o coiro será o protagonista.
O obxectivo é estimular o pensamento creativo, establecendo conexións entre disciplinas como a artesanía, o deseño, a escultura e a linguaxe, mediante a observación, a experimentación e o diálogo interdisciplinar.
Docente: Edita Rodríguez Roca
Perfil
O meu nome é Edita Rodríguez Oca. Son licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, onde máis tarde desenvolvín unha investigación sobre arte e activismo. Desde hai máis dunha década, dirixo o proxecto JATAFARTA, unha marca galega de artesanía especializada na creación de obxectos de coiro. Aínda que se enmarca dentro do ámbito artesanal, JATAFARTA explora múltiples disciplinas como a escultura, a innovación, o deseño e a moda.
Algunhas das miñas pezas foron seleccionadas en diversos concursos galegos, como o Premio Artesanía de Galicia ou o Certame Antón Fraguas, e internacionais, como o BeCraft.
Desde 2020 levo a cabo unha investigación sobre técnicas tradicionais do traballo en coiro, que aplico á creación de pezas contemporáneas vinculadas ao ámbito da escultura.
Entre 2018 e 2020, participei nun programa da Xunta de Galicia destinado á formación de aprendices para garantir o relevo xeracional no ámbito da artesanía.