Se es un lector ou lectora habitual, este obradoiro é a evolución natural para construír os teus mundos propios. Xogando con algúns dos elementos da narración (personaxes, punto de vista, tema principal e secundarios, tempo e espazo...) conseguiremos perder o medo ao papel en branco, aumentar a nosa creatividade e levar a termo eses textos que nunca te atreviches a escribir. Obradoiro de 15 horas presenciais + 15 horas de traballo autónomo e correccións vía mail na casa.
Vaise celebrar presencialmente nas datas que figuran a seguir:
Xoves 14 e 21 de marzo, xoves 4 e 18 de abril, xoves 2 de maio, en horario de 17:30 a 20:30 horas.
Imparte: Antía Yáñez
Duración: 30 horas.
OBXECTIVOS
Mellora da expresión a través dunha relación lúdica e experimental coa linguaxe, perfeccionando competencias lingüísticas como a coherencia e a cohesión dun texto.
Desenvolver as competencias artísticas e culturais, favorecendo a imaxinación e a creatividade.
Ordenar pensamentos, estruturalos e darlles forma antes de plasmalos no papel.
Desenvolvemento da empatía, ao obrigar aos asistentes a poñerse na pel dos diferentes personaxes aos que dará vida.
Coñecer e comprender a estrutura e os elementos fundamentais dun texto narrativo.
Elaboración de textos propios con posible participación en certames literarios.
Ofrecer unha guía sobre material literario e creativo para seguir aprendendo, practicando e desfrutando.
Coñecer escritores e obras novas para traballar de xeito didáctico e divertido.
Superar os medos asociados á creación e recuperar a espontaneidade de anos anteriores, deixando voar a imaxinación sen prexuízos.
Dominio de diferentes técnicas narrativas para saber como contar o que se quere contar, así como a mellora do coñecemento dos xéneros e da tipoloxía textual desde a creación persoal e dun xeito lúdico.
Aprender a xestionar o tempo libre de xeito diferente, re-descubrindo o gusto pola escrita e a lectura. Crear un espazo de sociabilidade no que poder compartir o lido e o escrito con persoas de todas as idades, niveis educativos, posicións políticas e vitais, etc.
CONTIDOS
Xornada 1 (14 marzo):
Dinámica de presentación. Que é escribir para ti? E ler? Introdución aos elementos da narración: argumento (accións e tema), narrador, tempo, espazo, personaxes, estrutura, estilo. Que é o que queres contar? Como o queres contar?
Xornada 2 (21 marzo):
O tema. Da primeira idea á materialización. Unha soa liña para o tema principal. Os temas secundarios. O tratamento do tema. Contamos sempre o mesmo? As accións.
Xornada 3 (4 abril):
Personaxes, narrador e punto de vista. Observamos ou participamos? Simples ferramentas ou personaxes?
Xornada 4 (18 abril):
O tempo e o espazo. As escenas. Construción da escena. Claridade, visualización, ritmo. A estrutura. Disposición dos feitos que se narran. Antes de escribir: organización e esquemas. Como o conto? A estrutura externa. Disposición gráfica do texto.
Xornada 5 (2 maio):
Repaso, revisión e certames literarios. Dinámina final: Cluedo Literario.