Crear unha serie en 30 horas é posible. Chegou o momento de aproveitar todo o tempo que pasamos diante dunha pantalla vendo series e películas. Seguro que moitas veces vendo a televisión pensaches: esta podería escribila eu. Pois tes razón, o único que necesitas son os trucos para que a túa historia teña forma de serie de televisión. Neste curso practicaremos o proceso de creación dunha ficción do principio ao final. Desde esa primeira idea brillante que nos mantén en vela tecleando toda a noite, ata a escritura dos diálogos do capítulo piloto da nosa propia serie. Todo isto, pasando por ese momento tan complicado: os bloqueos. Como loitar contra un bloqueo? Como encher os baleiros que ten a miña trama? É normal ter clara a historia principal, pero encallar nos detalles do desenvolvemento. Tranquilidade, aquí aprenderemos a rematar cos bloqueos cunha dinámica de creación en grupo moi divertida. E ademais da creación da nosa historia, tamén traballaremos nos personaxes, nos escenarios e nos puntos fortes de venda do noso produto. Si, desde curso, podemos saír cun dossier dunha serie debaixo do brazo. Unha ficción disposta para comezar a súa distribución. Outro tema interesante que nos ocupará nas últimas clases do obradoiro: como vender unha serie que xa teño escrita? Parece imposible, pero un guionista sempre ten un truco debaixo da manga.
Para facer o curso precisarase dun ordenador. Traballaremos en Google Drive ou nun grupo propio da clase para compartir os documentos de avance.
Obradoiro de 30 horas
Profesor: Oscar Cruz Rodríguez