O vídeo é un formato especialmente atractivo para a creación e a comunicación, pero tamén para a divulgación e a docencia. Nos últimos tempos, coa implementación de procesos e canles dixitais, adquiriu unha relevancia aínda maior e propiciou a necesidade de incorporar ferramentas e destrezas audiovisuais para aplicalas en diferentes contextos.
Este obradoiro ofrece unha introdución práctica ao mundo audiovisual a través dun percorrido por todo o seu proceso creativo: dende a evolución dunha idea a guión ata a difusión do resultado final en redes sociais, pasando pola produción e gravación do contido. Sen esquecer as tarefas de edición, montaxe e pos-produción de vídeo, ás que a formación prestará unha especial atención.
Esta formación desenvolverase en liña na súa totalidade, logo non require a participación do alumnado nun horario específico na meirande parte, xa que os contidos e as actividades estarán dispoñibles en todo momento. As persoas inscritas recibirán enlace e clave de acceso para os contidos dixitais. As sesións de videoconferencia grupal desenvolveranse a través do servizo de Teams da Universidade.
Só haberá tres sesións que si requirirán a participación síncrona do alumnado (18:30), que serán as seguintes videoconferencias grupais (de 1h cada unha):
Charla inicial de benvida e de coñecemento do grupo (mércores 6 de outubro)
Sesión intermedia de titorización conxunta (mércores 13 de outubro)
Sesión final de posta en común de proxectos e despedida (mércores 20 de outubro)
Respecto á titorización e resolución de dúbidas, o equipo de titorización responderá a estas mensaxes nun prazo máximo de 48 horas,nas canles que se habilitarán para este fin.
Este obradoiro ten 15 horas de duración.
Docentes: Marga Rodíguez e Román Castaño ( Ben Curiosa + Merenda Creativa)
O taller está pensado para calquera persoa creativa e con interese no audiovisual, pero pode ser especialmente interesante para quen teña certas nocións de edición e desexe ampliar os seus coñecementos.
Desenvolverase integramente en liña, combinando contidos teóricos, exercicios mentorizados e sesións colectivas.
O contido teórico deste laboratorio estrutúrase nos seguintes temas:
Xeración e desenvolvemento da idea
Escritura do guión
Fase de pre-produción
Medios técnicos e gravación
Edición, montaxe e pos-produción
Difusión en plataformas dixitais
As persoas participantes só precisan de equipo informático convencional (sobremesa, portátil ou tablet) e conexión a Internet. Empregarase o programa gratuíto ShotCut co apoio do equipo docente dende a súa instalación. Estes contidos combínanse con actividades prácticas orientadas ao deseño e desenvolvemento dun proxecto completo. O nivel tratará de adaptarse ás posibilidades das persoas participantes.