Máis alá do ocio e do negocio, do seu sentido industrial ou artístico, a televisión desde o seu nacemento foi unha ventá aberta que nos axudou a comprender o mundo. Pero ademais, nos últimos anos, a mensaxe que emana de cada relato acadou unha sofisticación estética e narrativa que converteu o fenómeno televisivo nun dos máis fascinantes da contemporaneidade.
A ficción televisiva cada día constrúe historias menos explícitas e máis polisémicas, outorgando polo tanto a espectadores e espectadoras un papel de maior envergadura. Desde o outro e desde este lado da(s) pantalla(s), sumidos en plena revolución dixital, somos testemuñas dun tempo ao que convén mirar con espírito crítico para enfrontarnos aos desafíos do presente e aos enigmas do futuro.
Por todo isto, A vida en series pretende analizar algunhas das propostas máis audaces que xurdiron e xorden da pequena pantalla, e de xeito paralelo amosar a evolución histórica da imaxe e da cultura audiovisual.
Este obradoiro ten 15 horas de duración e desenvolverase en liña na súa totalidade.
Docente: Xosé Antonio Cascudo
Obxectivos:
—Analizar a natureza do texto televisivo e os códigos específicos da súa linguaxe, tales como as estruturas narrativas, a composición visual ou a función da publicidade.
—Reflexionar sobre o rol que desenvolve a ficción televisiva na sociedade, entendendo o relato e a imaxe como partes esenciais da nosa realidade cultural, considerados tanto como fonte de coñecemento como no seu papel de medio de evasión.
—Analizar a produción audiovisual contemporánea, comprendendo os seus diferentes parámetros (políticos, económicos, culturais, industriais ou estéticos), valorando e descifrando as mensaxes icónicas como reflexo das condicións en que xorden.
—Entender a ficción televisiva como produto dunha evolución de décadas, que se consolida como referente cultural xusto no momento en que colide o analóxico co dixital, e que esboza unha paisaxe de fondo caracterizada pola converxencia de medios, as hibridacións e a fin das taxonomías xenéricas.
—Subliñar a especificidade do relato televisivo, que se desenvolve de xeito independente a outros modos de expresión artística ou audiovisual cos que foi (e vai) medrando en paralelo como a radio, o cinema, o teatro, Internet etc.
Contidos:
Sesión 1: Xenealoxías da ficción televisiva (1950-1980).
Sesión 2: Menos Waltons e máis Simpsons (1980-2000).
Sesión 3: A televisión do século XXI.
Sesión 4: A “literatura visual”: do papel á pantalla (The Wire, The Handmaid’s Tale, True Detective, Fariña).
Sesión 5: Ciencia e conciencia-ficción (Black Mirror, The Twilight Zone, Battlestar Galactica).
Sesión 6: Místicas da feminidade na ficción televisiva (Mad Men, Embrujada, The Good Wife)
Sesión 7: Os contratos sociais (Borgen, Yo, Claudio, House of Cards)
Sesión 8: As showrunners e os amores serodios (Last Tango in Halifax, Catastrophe, Las chicas de oro)
Sesión 9: O relato transnacional: telenovela turca e Nordic Noir (Las Mil y una noches, Mujer, Forbridelsen, Bron Broen).
Sesión 10: A sitcom: da risa enlatada ao humor sen gargallada (I Love Lucy, Seinfeld, The Office, Fleabag).