A industria audiovisual é unha das principais produtoras e reprodutoras de valores e símbolos. A análise das distintas técnicas e estruturas que se conxugan nas narrativas cinematográficas,
televisivas e nos formatos nados ao abeiro da revolución dixital, permite desvelar os recursos discursivos nos que se sustenta a representación do xénero nos contidos culturais de consumo e difusión masiva.
Neste obradoiro, de carácter teórico-práctico e enfoque participativo, exploraremos os fundamentos da análise fílmica e a linguaxe audiovisual desde a perspectiva de xénero.
Un exame crítico ás formas de contar en imaxes no que tamén descubriremos as narrativas creadas e difundidas desde os feminismos nas últimas décadas.
Docencia: 7H Cooperativa cultural
O alumnado da UDC terá dereito ao recoñecemento de créditos, segundo establece a normativa de aplicación (Resolución reitoral do 23/12/2020).
O obxectivo principal do Club é comprender, desde unha perspectiva de xénero e en colectivo, os fundamentos ideolóxicos e epistemolóxicos que subxacen á narrativa audiovisual.
O programa de contidos, de 15h de duración, divídese en tres bloques temáticos:
BLOQUE 1: Introdución.
-Comunicación audiovisual e perspectiva de xénero.
-Epistemoloxías feministas. o test de Bechdel e outras metodoloxías de análise.
BLOQUE 2: Análise fílmica e linguaxe audiovisual.
-Fundamentos técnicos de análise fílmica.
-A narración en imaxe.
-A representación dos xéneros: as mulleres nos medios audiovisuais.
BLOQUE 3: Exercicios prácticos.
A modo de proxecto final, cada participante seleccionará unha secuencia dun filme, programa televisivo, webserie, videoclip ou calquera outra peza audiovisual, para compartir e analizar entre todas.