Os Roteiros para ferrolanear son una serie de propostas desde a UDC para coñecer e disfrutar camiñando da cidade e a súa contorna.
Nas inmediacións do monte de man común das Cabazas, no espazo que discorre entre a desembocadura do rego en Esmelle e o Xuncal de San Xurxo, temos unha interesante mestura de hábitats que van dende as dunas fósiles (estáticas e colonizadas por vexetación) ata o bosque de galería de ameneiros a carón dos cursos de auga ou a extensa superficie de carrizo na zona máis anegada e lamacenta.
Nestes lugares, habitan especies animais e vexetais que, debido á súa importancia ou singularidade, confírenlle a este espazo un valor especial e diversas medidas de protección fronte ás agresións.
No percorrido coñeceremos algunhas especies botánicas e animais propias de sistemas de duna, así como outras de bioloxía acuática ou ligada a hábitats húmidos. Tamén poderemos observar e coñecer o rastro da fauna habitual neste tipo de hábitats.
Percorrido nun só sentido a pé: ±4 km.
O traxecto discorre por hábitats tanto areosos como lamacentos, polo que é preciso levar roupa e calzado cómodos e acordes co lugar e a meteoroloxía da xornada (bota tipo sendeirismo, ou de sola que agarre). Tamén é recomendable levar bastón, gorro, auga e crema solar (se a meteoroloxía o require).