Obxectivos e contidos do obradoiro:
Esta formación baséase na organicidade do corpo, partindo da relaxación e a mobilidade, desenvolvendo pautas de movemento para desbloquear distintas calidades corporais.
De forma paralela a este traballo, facilitaranse dinámicas de improvisación grupais co fin de adquirir consciencia da contorna que nos arrodea, dos nosos corpos e os seus límites.
Obxectivo do obradoiro:
· Xerar un espazo de seguridade e confianza,
· Relaxar o corpo e mover desde ese estado,
· Aprender a estirar o corpo, e a respirar con consciencia,
· Experimentar diferentes calidades corporais, traballar en equipo,
· Saír da zona de confort, deseñar coreografías/composicións escénicas,
· Asumir o rol de creadora.
Serán sesións completas divididas en abordaxes diferentes do movemento: dende a técnica, a organicidade, a visión coreográfica e a consciencia corporal dunha/dun mesma/o.
Contidos do obradoiro:
Este obradoiro adáptase ao nivel de cada persoa, porque cadaquén vive a danza e a mobilidade de xeito diferente. Alicia estará para guiar a viaxe de cada persoa, acompañándoas nun espazo seguro, de liberdade creativa, do seguinte modo:
· Preparación do corpo para a danza contemporánea (traballo de preparación física), que consistirá nun quecemento dinámico que eleve a temperatura corporal e á vez permita unha consciencia cada vez maior do propio corpo, traballando a disociación, a mobilidade, e a preparación física.
· Traballo técnico de base de danza contemporánea, con exercicios de chan e de centro e diagonais (desprazamentos) técnicos para adquirir ferramentas que permitirán unha maior axilidade na recepción, no xiro e no salto
· Ferramentas para a improvisación, baseadas en pautas conceptuais que axudan a moverse libremente sen auto-xuízo, mantendo sempre unha tarefa que axudará a ampliar o vocabulario de cada alumna. Por exemplo, “pintar ” o espazo con diferentes partes do corpo.
· Traballo de creación coreográfica; partindo destas pautas de improvisación, a alumna creará frases coreográficas baseadas nas súas propias investigacións. Tamén formaremos dúos, tríos e grupos, para que compartan as diferentes visións
· Coreografía. Propostas coreográficas creadas pola mestra. Ó aprendelas, poñen en práctica a técnica aprendida, mellórase a memoria corporal e trabállase máis especificamente a limpeza e precisión nos movementos
· Exercicios de “ escoita ” grupal, onde sentirán o grupo para nutrirse unhas das outras.
· Traballo de musicalidade; diferentes formas de utilizar a música á hora de moverse
· Procura do movemento persoal. Investigación final que indaga no xeito persoal de moverse de cada unha. Trabállase en grupos, para que as demais tamén compartan as súas percepcións con respecto ao que máis lles chama a atención do movemento de cada unha.
Currículo da educadora:
Alicia López, graduada en Belas Artes na UCM (2023) e diplomada en Dirección Audiovisual na Escola Treintaycincomm (2025). Ten experiencia como docente de danzas urbanas e danza contemporánea dende o 2015 en diferentes centros formativos. É bailarina e actriz dende hai catro anos, traballando con diferentes compañías galegas tal e como Nova Galega de Danza, Bengala Teatro Físico ou Nauta Teatro. Como docente, vese impulsada polo desexo de atopar espazos de diálogo coas persoas e a comunidade, a través da arte e da danza.
Obradoiro de danzas urbanas (hip hop, popping, locking, dancehall e freestyle). Traballaremos cada técnica, partindo do traballo das bases e da contextualización e estética de cada estilo e aplicarémolo á coreografía e improvisación.
Identificación e interiorización das diferentes danzas urbanas a impartir (hip hop, popping, locking, dancehall e freestyle), así como a súa técnica, estética e aplicación, tanto para a improvisación como a nivel coreográfico. Serán clases amenas onde chegaremos a un coñecemento global de varios dos estilos da danza urbana, tendo o hip hop como referencia.
Obxectivos do obradoiro:
· Xerar un espazo de seguridade e confianza
· Comprender historicamente a creación da danza urbana
· Recoñecer estilos e pasos básicos
· Aprender a improvisar coas ferramentas adquiridas
· Experimentar diferentes calidades corporais
· Traballar en equipo
· Saír da zona de confort
· Deseñar coreografías
· Contextualización e interiorización de acontecementos históricos, estética e filosofía de cada danza urbana que se vai impartir.
· Foundations: bounce, rocking, groove (traballo en profundidade).
· Party Steps (bailes sociais). Coñecemento dos pasos e aplicación no baile de cada alumna.
· Freestyle; ferramentas para a improvisación dentro das danzas urbanas.
· Popping: técnica e traballo de paradas, xeometría e ondulacións.
· Locking: técnica e coreografía.
· Dancehall: introdución e pasos básicos.
· Coreografía.
Currículos das educadoras:
Jacqueline Reimúndez e Alba Fernández son bailarinas, creadoras e mestras de danza urbana e contemporánea. Ambas destacan pola súa multidisciplinariedade e toda unha vida artística dedicada á docencia. Jacqueline dende 2020 e Alba dende 2006, son parte de diferentes compañías como creadoras e intérpretes. Poñemos a nosa experiencia en favor do proxecto, que será colaborativo, e á vez unha experiencia de aprendizaxe para todas as persoas participantes.